Caderno de Lingua

Blogue de Aula de Lingua Galega e Literatura

Álvarez Blázquez: recapitulamos ou posteamos outra vez?

Publicado por romanlandin on Maio 15, 2008

Por que nos facemos esta pregunta? Porque estamos na “tempada alta” do galego e cada día aparecen novos recursos na rede sobre Xosé María Álvarez Blázquez, que xa non sabemos se agrupar outra vez nun mesmo post a xeito de escolma definitiva ou ir actualizando segundo vaiamos descubrindo outros materiais. Desta volta, por medio de Rosa Salgueiro chéganos unha unidade didáctica sobre o autor para traballar en 4º da ESO. A autora é a profesora Ana Martins, do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.

Por outra banda, gustaríanos destacar o proxecto “Palabras liberadas”, un DVD elaborado pola Biblioteca Municipal do Porriño que reúne poemas de Álvarez Blázquez recitados polo propio autor e na voz da súa familia e amizades. Ademais, inclúe cinco versións musicais dos seus textos, interpretadas por unha coral, por Uxía Senlle ou por hip-hopeiros. Podes escoitalo algunha destas mostras nas webs de Vieiros e A Nosa Terra.

E máis recursos:

- Biografía, escolma poética e actividades elaboradas con JClic é o que nos achegan do IES Concepción Arenal de Ferrol.

- Presentación de fotografías e poemas ilustrados en Biblio Cóntame, blogue do CPI Cova Terreña de Baiona.

- Poemas ilustrados e musicados na canle youtube do Recanto de Mik, bitácora da Biblioteca do CEIP Mestres Goldar de Vigo.

- E, por último, vía Remexer na Lingua, sabemos do recitado e ilustración de catro poemas do poemario Canle segreda por parte de alumnos/as do IES da Pobra do Caramiñal e dos vídeopoemas elaborados no CEIP Quintela de Moaña.

A todos eles/elas, alumnado e profesorado, parabéns por tanto e tan bo traballo.

Deixa un comentario

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <pre> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>