Adherimos ao manifesto “Na defensa do noso idioma”
Publicado por romanlandin on Maio 15, 2008
O Caderno de Lingua súmase a Blogues pola Lingua, Rede de Blogueiros/as en Defensa do Galego, que naceu onte, mércores 14 de maio, colectivo que nace coa intención de defender e promover a lingua galega dende e na Rede, aproveitando as potencialidades da web 2.0 na que os blogues ocupan un papel destacado, como compromiso coa lingua nun momento en que o galego está a recibir ataques dende diferentes sectores que tentan impedir calquera avance no proceso de normalización. A respecto da finalidade do colectivo explican que “Apostamos por estender o uso do galego na Rede para convertelo na lingua vehicular das galegas e dos galegos en Internet, conseguilo será un indicador da normalidade que unha inmensa maioría social reclamamos”.
A primeira acción de Blogues pola Lingua, que nas primeiras 24 horas xa recibiu a adhesión de 80 blogues e recibiu unhas 2000 visitas, foi lanzar este manifesto que subscribimos:
Manifesto
- O noso completo e activo compromiso coa lingua galega, como principal alicerce da nosa identidade colectiva como pobo así como a nosa preocupación perante a situación que esta vive na actualidade.
- Entendemos a Rede como unha canle con importantes potencialidades para a expansión en usos do noso idioma que deben ser aproveitadas, e avogamos porque o galego sexa tamén a lingua vehicular das/os galegas/os en Internet. Apoiamos tamén a reivindicación dun dominio propio en internet para Galiza.
- Expresamos o noso total rexeitamento perante todo ataque contra o galego, independentemente de quen proveña, e particularmente no caso de entidades que declarándose defensoras dun presunto, mais falaz, bilingüísmo incorren en ser de facto unha manifestación do auto-odio.
- Reclamamos o noso dereito a vivir con completa normalidade na lingua que é propia de Galiza, tendo garantido plenamente o noso dereito a empregala en todos os eidos da nosa vida.
- Adherímonos colectivamente ao manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego” d’A Mesa pola Normalización Lingüística.
- Chamamos á cidadanía galega, especialmente á mocidade, a participar na manifestación nacional en defensa do noso idioma, que baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego” convoca A Mesa pola Normalización Lingüística, e que terá lugar o vindeiro domingo 18 de maio, na cidade de Compostela, e que partirá ás 12h da Alameda.

















