Prácticas narrativas I
Publicado por romanlandin on Abril 4, 2008
O dominio dos elementos constitutivos do texto narrativo por parte do alumnado chega, após a súa introdución teórica e o seu recoñecemento en textos alleos, por medio da construción de textos de elaboración propia.
Unha actividade moi sinxela coma a seguinte pode visualizar a escrita coma un proceso lóxico e planificado que a través do dominio e o adestramento nunha serie de técnicas está ao alcance de todos/as.
-
Obxectivo: crear un relato a partir dunha imaxe ou unha serie de imaxes suxerentes.
-
Desenvolmento:
- Liberdade total para o alumnado á hora de elaborar a narración.
– Tarefa guiada ou semiguiada pautando os elementos propios do texto narrativo:
a. Personaxes, argumento e coordenadas espazo-temporais.
b. Tipo de narrador e punto de vista… ou combinar varios.
c. Narración, descrición e diálogo.
– Variantes. Tendo en conta as premisas anteriores, pódese acometer coma:
a. traballo individual ou grupal,
b. elaboración dun relato encadeado
c. reparto de funcións (un introduce diálogos, outra narra en 3ª persoa, etc.).
-
Conclusión: posta en común dos textos creados polo alumnado.
Unha serie de cadros suxerentes e abertos a diversas interpretacións é Os amantes, de René Magritte.











