Patrón de autocorrección da expresión escrita
Publicado por romanlandin on Xaneiro 2, 2008

A corrección da expresión escrita é, se cadra, unha das tarefas máis importantes -e máis tediosas- á hora de mellorar os textos do noso alumnado. E, como di o mestre Daniel Cassany, dedicámoslle a esta actividade moito tempo, facémolo de xeito rutineiro porque a tradición escolar así nolo ten atribuído ao profesorado (e non espera menos a rapazada de nós) e abúrrenos porque, aínda por riba, non temos moita confianza nela á vista de que volven aparecer unha e outra vez os erros que queremos atallar.
Entre os procedementos máis clásicos para darlles autonomía nesta tarefa atópase a aplicación dun patrón de autocorrección da expresión escrita. Trátase de proporcionarlle ao alumnado un código de signos -debidamente explicado- para que identifiquen e solucionen os erros que o/a profesor/a marcou previamente dalgunha maneira, un subliñado abonda.
Con isto procuramos que se responsabilicen nesta tarefa e nós garantimos que o noso traballo non fica en balde, cando menos han de pasar o traballo de completar a revisión e posterior corrección… Iso si, nós teremos que darlle unha segunda pasada aos textos. Máis traballo. Unha outra opción que se pode combinar con esta é o da corrección das redaccións entre alumnos/as. Un segundo efecto positivo é a consideración que vai callando sobre o proceso da avaliación: ter unha listaxe para cotexar ou unha escala de cualificación na súa man aforra algunhas explicacións e incomprensións futuras cando, por exemplo, comproben o que se lles baixou por grallas nunha proba escrita.
Eu veño empregando este sinxelo patrón dende o curso pasado e, á vista da cara (de poucos amigos) que poñen o día en que llo presentas, algún efecto terá. Non é o descubrimento da pólvora, sei de quen se aburriu e quen deixou de empregalo, mais polo menos repartimos o traballo. Isto da escola é bidireccional, un camiño de ida e volta.

















Rosa Salgueiro dixo
Isto da autocorrección paréceme fundamental para que a mellora sexa efectiva. Claro que a carga de traballo que supón bótanos moitas veces para atrás; con todo, eu emprégoa sobre todo cos grupos reducidos e penso que pode dar moi bos froitos en grupos de diversificación. Descarguei o teu modelo e voulle dar unhas voltiñas para tratar de sistematizalo, sen perder de vista os aspectos prácticos; despois de aplicalo na aula xa comentarei os resultados. Grazas. Ah! e quen estea libre de grallas que tire a primeira pedra…
xano dixo
Pois é, traballando a expresión escrita (e, en teoría, non só na materia de lingua) de maneira non procesual e a corrección de xeito mecánico chega moito alumnado a 2º de BAC repetindo exactamente os mesmos (e, ás veces, numerosísimos) erros que nos cursos da ESO. Por moita explicación-recomendación que poñamos nos textos revisados.
Por iso, nós tamén estamos a experimentar con patróns para a autocorrección inseridos nun proceso de produción cunha planificación do que se vai escribir e unha textualización con apoios en listados ou baterías (por exemplo, de certo tipo de conectores), de xeito que a autocorrección é un paso máis no que se revisan sobre todo eses elementos traballados. Os resultados non semellan malos sobre todo cando o texto producido forma parte dunha secuencia e é imprescindíbel puílo para continuar adecuadamente. Ademais, o labor de autocorrección en si mesmo é unha parte significativa da nota, claro.
Obrigado, Román, por facernos revisar o noso patrón.
rita dixo
Ola. Noraboa polo traballo. É moi estimulante atopar na rede iniciativas relacionadas co ensino da lingua galega.
Respecto á autocorreción é imprescindible e, dende o meu punto de vista, ás veces, difícil de traballar. O uso de plantillas paréceme boa idea.
Grazas por compartir o voso traballo.