Caderno de Lingua

Blogue de Aula de Lingua Galega e Literatura

Cen anos do himno galego… e a ti que versión che gusta máis?

Publicado por romanlandin on Decembro 11, 2007

O próximo día 20 de decembro cúmprense 100 anos de vida do Himno Galego, que se interpretou por vez primeira na Habana en 1907, aínda que algunha tese defende que a estrea tivo lugar dez anos antes.

A letra pertence ao poema “Os pinos”, de Eduardo Pondal, e Pascual Veiga é o autor da música dun himno que naceu pola vontade dun grupo de intelectuais galeguistas á fronte dos cales destacou o ferrolán Xosé Fontenla Leal, empeñado en dotar a Galiza duns símbolos identitarios que acabaron por tomar forma no seo da diáspora galega. Na columna da esquerda está disponível a rememoración daquel día emitida na TVG.

Un himno nace para ser cantado e hai moitos tipos de himnos no mundo: uns institucionais e máis populares, uns modernos e outros máis clásicos, algúns cantan grandes xestas e outros as belezas da terra, a maior parte teñen unha letra da que carecen moi poucos… Aos nacionais dun país pode gustarlles máis ou menos o seu himno, poden cantalo ou non e mesmo poden versionalo nos máis variados estilos.

E a ti, que versión do himno galego che gusta máis?

Podes preferir a versión máis clásica, á capella nas marabillosas voces das pandereteiras de Leilía, ao xeito flamenco, nun solo popeiro de guitarra, no rock dos Skacha, saído do fol da emocionante e espida gaita dun mestre gaiteiro ou de ducias de gaitas no marco único do Festival de Ortigueira….. ou aínda mesmo acompañadas polas voces do coro centenario Toxos e Flores, o venres mesmo no Luar ou nunha xoia de gravación de 1922. E que dicides do himno recitado por Eduardo Blanco-Amor “machucado” co “Love generation” de Bob Sinclair (éxito do verán ‘07) no “Galician love generation” (bótadelle un ollo á Antoloxía do Machuco e descargade o tema… paga a pena)?

Ao mellor, ti o que prefires é o momento, non tanto o estilo; por iso, decántaste pola solemnidade dun acto institucional, polo fervor dun acto político ou, se cadra, por cantalo nun estadio de fútbol. E, a todo isto, hai quen o sabe porque o aprendeu moi ben, hai quen disimula e hai quen desentona e non lle importa para nada.

E para aqueles aos que lles repugnan os himnos por aquilo que din que seica dividen á xente, incluso hai un himno integrador, obra dos xeniais Mofa e Befa: nada máis e nada menos que o himno español -ao que lle buscan letra- cos versos de Eduardo Pondal.

E se chegaches con folgos ata aquí e aínda non o tes claro, é posíbel que se che poña a pel de galiña igualmente -se es d@s veteran@s da reconversión naval seguro- cando escoitas Miña terra galega, todo un himno de Siniestro Total.

2 Respostas a “Cen anos do himno galego… e a ti que versión che gusta máis?”

  1. [...] unha resposta do máis natural e, xa metidos en fariña, escoitamos unha versión reague do himno galego, acrecentado nuns cantos versos por Martín, que nos conduciu á reflexión sen deixar de gozar [...]

  2. [...] do seu centenario, alá polo mes de decembro trouxemos ao Caderno de Lingua unha manchea de versións do Himno Galego. Clásico, rockeiro, popeiro, aflamencado, machucado, institucional, gaiteiro… o poema de [...]

Deixa un comentario

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <pre> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>